"Estamos case en situación de posguerra tras os dramáticos efectos da crise económica"


As industrias téxtiles de Galicia apostan pola innovación para adaptarse ás novas formas de comprar dos seus clientes. O sector -formado por medio millar de empresas que dan traballo a 36.000 persoas- tenta recuperarse tras unha crise económica que levou por diante marcas tan consolidadas como Caramelo: "Estamos case en situación de posguerra tras os dramáticos efectos da crise económica", apuntaba nos 'Almorzos do Galicia por diante' Alberto Rocha, secretario xeral da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia. Neste momento "ninguén está disposto a pagar un euro máis por unha peza" e o futuro pasa pola venda on line.

    Este ano e o que vén a industria téxtil galega contará cun orzamento de 1.200.000 euros para dixitalizar as pequenas empresas e mellorar a súa cadea de transporte e distribución.
Deste xeito, "as empresas máis pequenas terán ferramentas ao seu alcance para ser máis eficientes" e poder competir con xigantes da moda como Inditex.

   "Empeza a haber tendas en que xa non se pode comprar o produto; son como expositores", apunta Alberto Rocha. O secretario xeral de Cointega ve como unha vantaxe este tipo negocios, que permiten ás pequenas marcas se faceren un oco no mercado.

    O secretario xeral da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia asegura que "aquí se xestiona ben o negocio da moda" e unha boa imaxe de marca no exterior. Cre que o fenómeno Inditex achega valor engadido ao sector porque, grazas a este grupo, "creouse unha industria auxiliar, que é beneficiosa para todo o sector téxtil".

    Alberto Rocha non ve Portugal como unha ameaza, senón como un aliado. Ao seu xuízo, en Galicia "non hai deslocalización porque as empresas de aquí non desmontaron a súa estrutura para montala noutro lugar". Rocha afirma que no país veciño "hai escaseza de persoas para traballar no sector" e están agora recuperando a especialidade de Enxeñería Téxtil, que non existe en Galicia. Aquí trabállase agora nun novo Grao de Xestión da Industria da Moda, que se impartirá na Universidade da Coruña.

   Mentres tanto, o sector téxtil negocia neste momento o seu novo convenio colectivo a nivel estatal. A industria aposta por ligar os salarios á produción; os sindicatos, á suba do IPC. A negociación está aínda arrancando. "Será unha negociación longa", apunta Alberto Rocha, pero confía que frutífera, xa que "o clima cos sindicatos non é malo en España e sempre foi bo en Galicia".

   O obxectivo para este 2018 é conseguir máis vendas, máis marxes e consolidar a moda galega nos mercados internacionais.