Entrevista a Alberto Rocha en Os almorzos de Radio Galega: Situación Textil


A continuación os dejamos la entrevista que el Secretario General de Cointega ha concedido al programa de Radio Galega: Os Almorzos 

O secretario xeral de Cointega, o clúster do sector téxtil e da moda de Galicia, explicou nos Almorzos da Radio Galega que, tras a crise dos últimos anos, "en 2016 detectouse unha recuperación do sector". Agora ben,"as cifras melloran porque sobe o consumo, pero as marxes do vendedor son cada vez máis pequenas".

Existe unha competencia moi forte e vémonos obrigados a facer descontos e rebaixas continuas. Iso loxicamente reduce as marxes de beneficio e hai que ver se chegan para que o negocio sexa rendible

O reto principal do sector téxtil, segundo Alberto Rocha, é adaptarse aos continuos cambios. "Antes cambiaban só as modas, é dicir, os gustos do cliente, pero agora cambian tamén os modos de compra e hai que estar moi atento".

Acabou a compra por impulso que había antes; agora, por exemplo, cada vez teñen máis auxe as compras por Internet. Críase que ía ser cousa só de xente nova, pero o certo é que tamén outros públicos, como os senior ou os xubilados, se están apuntando a estes novos hábitos de consumo

Cómpre estar atentos aos cambios. Agora, ademais das tendas, hai que vender en Internet e non só iso; hai que facelo de xeito eficiente, é dicir, darlles facilidades aos clientes para compraren, para cambiaren, para faceren devolucións

Rocha asegura que o sector téxtil galego vive un bo momento porque "é un sector preparado, en alerta ante os cambios", pero "hai unhas setecentas ou oitocentas empresas en Galicia con potencial e antigüidade que teñen que conseguir o seu espazo no novo mundo". Por outra banda, o responsable do Cointega apunta que "o sector está creando emprego, pero emprego cualificado e ben retribuído en eidos como a loxística, os novos tecidos... Existe un campo de crecemento para o emprego tremendo".

Por último, Alberto Rocha reflexiona sobre o efecto que exerce Inditex no sector téxtil galego e conclúe que "é un efecto positivo".

Ata hai uns anos era un competidor feroz para todos, pero neste momento Inditex expulsa ao sector recursos, talentos... que todos aproveitamos

Tamén conta o efecto que ten o xigante de Amancio Ortega de cara á proxección internacional do téxtil galego.

Galicia converteuse nunha meca da moda grazas a Inditex. Calquera profesional do sector sabe onde está Galicia e sabe que aquí pasa algo

A percepción que hai no mundo é que aquí se xestiona ben o mundo da moda, e non é só por Inditex;. outras empresas, como Bimba y Lola, tamén axudan a iso